A campaña #TeñoMonte arranca o sábado na Praza de Abastos de Santiago
Chegou o día… chegou a romaría! Despois de moito traballo, por fin podemos contarvos todos os detalles da campaña #TeñoMonte!
Como sabedes, o obxectivo desta campaña, que resultou premiada no Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego que organiza o Concello de Santiago de Compostela, é por unha banda recuperar a microtoponimia do monte galego, con axuda das persoas propietarias e da propia veciñanza de Compostela, e pola outra, dar a coñecer a plataforma eMonte.es
Como o faremos? Primeiro, saíndo á rúa para coñecer de primeira man a todas as persoas que teñan historias sobre o seu monte, que coñezan os seus nomes tradicionais e que queiran axudarnos a facer recolleita desa parte da nosa tradición.
Instalaremos un photocall tres días diferentes en tres lugares da cidade. Se queres participar, só tes que achegarte e fotografarte co nome do teu monte. Se ademais enches un sinxelo formulario cos teus datos, entrarás no sorteo dunha noite para dúas persoas nos incribles aloxamentos de ‘Cabanas do Barranco‘ ou ‘Cabañitas del Bosque‘
Por outra banda, levaremos tamén a campaña ao público máis novo, o que está nas redes sociais, grazas a un sorteo e un concurso a través da nosa páxina de Facebook. A súa participación tamén pode ter premio: optarán, igual que quen participe no photocall, a unha noite para 2 persoas nos aloxamentos mencionados.
Primeira cita con #TeñoMonte: Photocall na Praza de Abastos
A primeira das accións desta campaña terá lugar este sábado 8 de outubro na Praza de Abastos de Santiago, entre as 10:00 e as 13:00. Atoparasnos ao carón da fonte (en caso de choiva, trasladarémonos a un dos espazos cubertos próximos á Igrexa de San Fiz). Darémosche un encerado para que escribas o nome do teu monte e poses con el para a fotografía.
Moito ollo! Se és das primeiras persoas en participar, levarás como agasallo un pequeno carballo criado con mimo por Plantamus Vivero Galicia. E enchendo un formulario cos teus datos entrarás ademais no sorteo de 1 noite para 2 persoas nos aloxamentos de Cabanas do Barranco ou Cabañitas del Bosque, na serra de Outes.
(Consulta aquí as Bases Legais deste sorteo)
#TeñoMonte nas redes sociais
Na súa vertente online, a campaña #TeñoMonte constará de dúas accións. A primeira será un sorteo que sigue a dinámica do photocall: para participar só haberá que contestar ás preguntas ‘Como se chama o teu monte?’ e ‘Onde está?‘. O gañador ou gañadora elixirase por sorteo telemático. A participación estará aberta do 11 ao 25 de outubro.
A segunda acción da campaña é máis creativa e agardamos que achegue boas historias. Trátase dun concurso de textos breves nos que as persoas que participen deberán contar algunha anécdota, historia, lenda ou vivencia relacionada co monte (non necesariamente co seu!). Quen queira poderá votar a través do Facebook as historias que máis lle gusten e, finalmente, a que máis votos sume será a gañadora. Este concurso estará activo entre o 7 e o 21 de novembro.
Seguide este blog e as nosas redes sociais para estar ao tanto de todas as novidades de #TeñoMonte!!