Axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais

  • Resumen

    Axudas para da Consellería do Medio Rural para rozas, demestas, rareos, podas, cortas de formación e plantacións puntuais de determinadas árbores, dentro do programa de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

  • Finalidade / Obxectivo

    Axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda:

    • Liña I: axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, desmestas, rareos e podas) coa finalidade de prevención de incendios.
    • Liña II: axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.
  • Tipos de apoio

    Os tipos de actuacións subvencionadas son as seguintes:

    a) Liña I (axudas para realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais):

    1º. Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm e cunha densidade inicial de 2.000 pés/ha ou superior:

    – Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa antes da actuación inferior a 15 cm, acadando unha densidade final entre 800 e 1.200 pés/ha. No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas desta epígrafe poderanse incrementar nun 20 %.

    – Trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa; porén, non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa no caso de que o rareo se realice totalmente de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.

    2º. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical en masas de coníferas:

    – Roza de penetración, en masas de coníferas, previa á realización de podas (roza a media altura en liña de planta para poder chegar á árbore e realizar a poda), ou roza mecanizada en rúas.

    – Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 metros e máxima 4 metros e cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 1.200 pés/ha. Esta actuación é compatible con podas naturais e podas realizadas con anterioridade en masas onde se tivese realizado un realce co obxectivo de guiar o desenvolvemento normal da árbore e limitada aos primeiros verticilos. No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas desta epígrafe poderanse incrementar nun 20 %.

    – Trituración de restos de poda, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa.

    – Dentro desta epígrafe terá que solicitarse obrigatoriamente a poda, e poderanse solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas.

    b) Liña II (axudas para tratamentos silvícolas –rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.– e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques).

    1º. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m:

    – Roza de penetración, en masas de frondosas, previa á realización de podas (roza a media altura en liña de planta para poder chegar á árbore e realizar a poda), ou roza mecanizada en rúas.

    – Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo.

    – Selección de abrochos.

    – Rareos.

    – Dentro desta epígrafe poderanse solicitar e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212 €.

    2º. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:

    – Rozas.

    – Podas.

    – Tratamentos fitosanitarios para a conservación e mellora dos soutos.

    – Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro resistente á tinta.

    – Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544 €.

  • Beneficiarios potenciais

    Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

  • Requisitos

    1. Superficie mínima:

    a) Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor e os propietarios particulares de xeito individual, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas en couto redondo en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais. Admitirase máis dun couto redondo.

    b) Para propietarios particulares de xeito individual a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea nun único couto redondo en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

    c) No caso das Sofor, a superficie mínima de actuación será de 3 hectáreas.

    2. Superficie máxima:

    a) Para todos os solicitantes, con excepción das Sofor e dos propietarios particulares de xeito individual, a superficie máxima de actuación por solicitude será de 50 hectáreas nun ou varios coutos redondos en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais, e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 3 hectáreas.

    b) Para propietarios particulares de xeito individual, a superficie de actuación máxima por solicitude será de 15 hectáreas nun ou varios coutos redondos en que a súa continuidade superficial non se interrompa pola existencia de barreiras naturais ou artificiais e sempre e cando a superficie mínima de cada couto sexa de 3 hectáreas.

    c) No caso das Sofor, a superficie máxima de actuación será de 50 hectáreas.

  • Inversións ou gastos computables

     

    Actuación Investimento total Importe máximo subvencionable (sen IVE)
    1.1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio inferior a 15 cm, acadando unha densidade final entre 800 e 1.200 pés/ha 1.031,41 1.031,41
    1.2. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa 682,68 682,68
    1.3. Tope €/ha proxecto en rareos coníferas 47,85 47,85
    2.1. Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas 515,16 515,16
    2.2. Primeiras podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m e máxima de 4 m e cunha densidade final máxima de 1.200 pés/ha 605,70 605,70
    2.4. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa 682,68 682,68
    2.5. Tope €/ha proxecto en podas coníferas 47,85 47,85
    3.1. Rozas 696,73 696,73
    3.2. Formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e a poda ata 1/3 da altura como mínimo 508,40 508,40
    3.3. Selección de abrochos 694,87 694,87
    3.4. Rareos 837,09 837,09
    3.5. Tope €/ha proxecto en frondosas 47,85 47,85
    4.1. Rozas 696,73 696,73
    4.2. Podas con funxicida 661,40 661,40
    4.3. Tratamento fitosanitario 131,87 131,87
    4.4. Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro híbrido resistente á tinta 194,77 194,77
    4.5. Tope €/ha proxecto en castiñeiros 47,85 47,85
    5. Cartel identificativo (só elixible aos solicitantes que estean obrigados á súa colocación segundo o artigo 26) 255,00 255,00

     

     

  • Cuantía da axuda

    As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2017 e 2018, cun total de 7.500.000 Euros.

  • Prazo de presentación

    O prazo de presentación de solicitudes será corenta e cinco días contados a partir do día seguinte ao da publicación (12/01/2017) desta orde: 16/03/2017

  • Referencia lexislativa

    ORDE do 28 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

    EXTRACTO da Orde do 28 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.