A Xunta crea unhas novas axudas por valor de 4 millóns de euros para fomentar a ordenación dos montes galegos

O Consello da Xunta analizou o día 5 de outubro de 2017 borrador dunha nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural que se aprobará en breve e que ten por obxectivo contribuír á ordenación dos montes galegos. En concreto, estas achegas subvencionarán a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentación simple de xestión, documentos compartidos de xestión e os documentos de adhesión masiva a modelos silvícolas para o que hai un orzamento de catro millóns de euros para dous anos.

Deste xeito preténdese facilitar que os propietarios dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e garanta unha xestión sustentable do monte. Estes instrumentos serán imprescindibles a partir de maio de 2020, cando a lei estipula que todos os montes ou terreos forestais terán que dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para autorizar os aproveitamentos. Por iso, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tipo de territorio e ao seu uso.

De feito, na orde de axudas establécense catro liñas de subvención. A primeira para zonas declaradas de alto ou medio risco de incendio. A segunda liña é de aplicación naqueles montes que se encontren nalgún dos tres casos seguintes: montes polo menos parcialmente cubertos por masas consolidadas de frondosas autóctonas, en Rede Natura 2000 e nos situados en zonas de policía (chámase así aos 100 metros a partir da canle dun río) das áreas de risco potencial significativo de inundacións (Arpsi). As liñas 3 e 4 son de aplicación a montes con terreos produtivos de masas de crecemento rápido polo menos no 50% da súa superficie e diferéncianse segundo o instrumento de ordenación que utilicen.

Ademais, cómpre destacar que as sociedades de fomento forestal (Sofor) contarán con liñas específicas para elas, co fin tamén de favorecer o seu impulso como figura destacada á hora de poñer en valor os montes garantindo o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos, co obxecto de que esta leve a cabo unha xestión forestal conxunta.

Obxecto de axuda

As axudas utilizaranse para a redacción dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal, incluíndo a realización do inventario preciso dos recursos e os servizos forestais. Así mesmo, tamén poden ir destinadas á redacción dos estudos de impacto ambiental ou ao documento ambiental asociado ao procedemento simplificado, segundo corresponda e cando sexa obrigatorio. O IVE non é elixible en ningún caso. O investimento total previsto para 2018 e 2019 alcanza os catro millóns de euros, dous en 2018 e outros dous en 2019.