eMonte participou en ExpoOrdes 2017
eMonte participou os días 28, 29 e 30 de abril en ExpoOrdes 2017 – XXVIII Festa do Champiñón. A0 longo da pasada fin de semana a vila ordense acolleu milleiros de visitantes que puideron coñecer os produtos e/ou servizos dos máis de 150 postos nun espazo con máis de 13.000 m2.
Foron tres días intensos de feira multisectorial na que se deron cita profesionais da alimentación, automoción, construción, mobles, medio ambiente, deportes, agrícola, forestal, entre outros, e ademais tamén houbo unha ampla mostra de motos antigas e o Salón de Moda e Eventos.
Un gran número de asistentes acercáronse ao stand de eMonte para coñecer o proxecto.
Por un lado, puideron coñecer en profundidade www.emonte.es, a primeira plataforma de compra/venda de lotes de madeira de Galicia. Propietarios procedentes de diferentes puntos de Galicia e con madeira de eucalipto, pino, de carballo, etc. para vender, aportaron a súa visión sobre o proxecto, resaltando en todo momento a comodidade que ofrece.
No stand tamén puideron coñecer www.vendofinca.es, unha plataforma especializada na compra/venda de fincas. Grazas ao apoio da Consellería do Medio Rural dentro do seu programa de apoio aos grupos operativos, en eMonte estamos a crear un subportal que axuda a pechar o proceso de compra/venda dunha finca, conseguindo así reducir o abandono. Polo stand tamén pasaron xente interesada en vender fincas, e como non tamén, interesadas en mercalas. Proximamente lanzaremos a beta pública da ferramenta, para testar con compradores e vendedores.
Na parte máis festiva, a vila de Ordes, un ano máis, e xa van 28, cumpriu coa tradición de degustar champiñóns de moitas formas diferentes (con nata, en empanada, con xamón, etc.). En total repartíronse un total de 3.500 quilos deste produto.