E-MONTE seleccionada para participar na segunda edición de Galicia Open Future

E-MONTE está a participar dende o mes de setembro de 2015 no Galicia Open Future, o gran centro de emprendemento galego posto en marcha por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia.

O programa, integrado na rede Open Future da multinacional española, ofrece recursos e ferramentas para a evolución de 50 proxectos empresariais innovadores que teñen en comúns as TIC pero que abranguen sectores moi diversos como a saúde, o motor, a agricultura, a madeira, etc.

E-MONTE foi seleccionada entre as máis de 180 candidaturas recibidas procedentes de Galicia e Portugal. Durante os 6 meses de duración do programa está a recibirse formación e adestramento especializado co obxectivo de madurar o proxecto e o seu modelo de negocio.

O programa pode seguirse en Twitter a través da conta oficial @OpenFuture_Gal ou tra través do Facebook @GaliciaOpenFuture. O mesmo desenvólvese no centro crowdworking da Cidade da Cultura, onde E-MONTE ten situada a súa oficina nestes meses. Tras esta etapa de aceleración, sairán os tres proxectos gañadores que recibirán unha axuda de ata 25.000 euros.

E-MONTE leva o primeiro premio do I Concurso de Proxectos Empresarias Semente de Monforte

O día 6 de xaneiro de 2014, os Reis Magos trouxeron algo máis que xoguetes a Monforte de Lemos, viñeron acompañados do premio gordo da lotería do Neno. Grazas a esta inxección de ilusión e tamén de cartos, xorde a Asociación Semente Monforte e con ela o I Concurso de Proxectos Empresariais Semente de Monforte, unha iniciativa que buscaba axudar a poñer en marcha proxectos empresariais.

En outubro do 2014 E-MONTE iniciou a súa aventura no I Concurso de Proxectos Empresariais Semente Monforte, no que se presentaron máis de 80 proxectos empresariais procedentes de distintos recursos tanto de Galicia como do resto de España.

Tras unha primeira criba, na que só quedaron 10 proxectos seleccionados, tivo lugar o día 14 de marzo de 2015 no Parador de Monforte de Lemos unha emocionante gala de premios, onde E-MONTE conseguiu o primeiro premio.

“Case un ano despois do galardón, podemos dicir que a idea de crear unha plataforma de compra/venda de lotes de madeira xa é unha realidade, que non sería posible sen o voto de confianza recibido por parte do xurado I Concurso de Proxectos Empresariais Semente Monforte”, comenta Víctor Rivas, CEO de E-MONTE.

Diversos medios de comunicación fixéronse eco da noticia. Podes ler esta información en La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza e Praza Pública.