A Xunta apoiará con 600.000 € as empresas forestais que superen os 10.000 metros cúbicos de madeira empregada
No Consello do Goberno do día de hoxe, a Xunta anunciou que apoiará cunha achega total de 600.000 euros ás empresas de primeira transformación de produtos forestais que superen os 10.000 metros cúbicos de madeira empregada. Esta convocatoria está dirixidas a aquelas empresas que quedaron excluídas de percibir axudas procedentes de fondos comunitarios, xa que a normativa europea impedía que as industrias desta dimensión se beneficiasen de fondos comunitarios.
O importe de axuda para cada empresa beneficiaria será do 25% dos custos elixibles; no caso de pequenas empresas, a axuda poderá incrementarse ata un máximo do 35%. A axuda máxima por beneficiario será de 100.000 euros.
Mediante estes fondos as empresas poderán financiar investimentos en activos fixos produtivos tales como bens de equipamento e instalacións en serradoiros e obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de serra, nave de serradura, e para almacenamento de produtos no propio serradoiro. Tamén os bens de equipamento, instalación e obra civil necesarios para almacenamento doutros produtos forestais distintos da madeira e non alimentarios (biomasa, cortiza, etc.) na propia industria.
Agárdase que a orde se publique en breves no Diario Oficial de Galicia. As empresas interesadas disporán dun prazo dun mes dende a publicación da orde de axudas.